Saturday 04 de May de 2024

Alternativa propón crear un paseo marítimo entre Oza e A Pasaxe cos 8 millóns da pasarela


O anuncio da Xunta de Galicia de desistir co asunto da pasarela á praia de Santa Cristina evidencia que non se trataba máis dunha mentira con fins electoralistas. Desde un inicio, Alternativa dos Veciños foi a única voz que deixou clara a súa oposición a este proxecto por constituír un grave atentado contra o medio ambiente e a paisaxe e por non resolver ningún problema de mobilidade.

“Desde un principio opuxémonos rotundamente a que se atentase contra a praia de Santa Cristina coa construción dunha pasarela. Nas décadas dos 60 e 70 destrozouse moitísimo esta praia e o que faltaba agora era que se eliminase o pouco que queda das dunas…”, comentou o alcalde de Oleiros e presidente de Alternativa Ángel García Seoane.

“Tamén dicíamos que este anuncio era todo fume, unha mentira do PP con vista ás próximas eleccións. Lamentablemente o Concello da Coruña fíxolle o xogo ao Partido Popular, tardando moito en definir a súa postura e agardando ata última hora, dicindo que si se facía por aquí ou por alí, pero sen realmente mollarse para intentar non perder votos”, comentou.

Cos supostos 8 millóns que ían destinarse á pasarela, sería de maior utilidade para a mobilidade e o medio ambiente a creación dun paseo marítimo desde Oza ata A Pasaxe, para conectar co xa existente de Culleredo ata ese punto e coa futura ponte da Pasaxe, que contará con beirarrúas e carrís bici de 6,5 metros de ancho por ambas marxes da nova ponte.